miércoles, 17 de abril de 2013

Información del I concurso Festival SonRías Baixas


O Festival SonRías Baixas organiza o I Concurso SonRías (#SRB2013) co dobre obxectivo de apoiar os creadores emerxentes, ofrecéndolles a posibilidade de traballar nun entorno profesional, e de implicar o público na programación do Festival, formando parte activa da súa elaboración.
1. QUEN PODE PARTICIPAR?
Poderán participar no I Concurso SonRías (#SRB2013) grupos musicais que traballen algún dos seguintes estilos: rock, mestizaxe, ska-reagge e ritmos urbanos. Todos eles competirán polo mesmo premio, en igualdade de condicións, independentemente do estilo ao que pertenzan as súas propostas.
2. QUE PODEN GAÑAR OS PARTICIPANTES NO CONCURSO?
Os gañadores formarán parte do cartel oficial do Festival SonRías 2013 e gozarán dunha ampla difusión en medios e redes. Actuarán no escenario Troula na Banda, que compartirán co resto de artistas do cartel. Ademais, todos os participantes admitidos a concurso poderán beneficiarse da difusión do seu traballo na Radio Galega e a través das canles de comunicación do Festival.
3. NON HAI PREMIO EN METÁLICO? CANTO PODEN GAÑAR?
A Organización do SonRías Baixas pagaralles aos gañadores a seguinte contraprestación económica, pola súa participación no Festival:
Premio SonRías Baixas – 1000 euros
Premio Son Radio Galega – 500 euros. Este premio conta tamén coas seguintes vantaxes engadidas: gravación dunha maqueta nos estudios da Radio Galega e actuación nun programa da Televisión de Galicia.
4. COMO SE DECIDE QUE GRUPO GAÑA CADA PREMIO?
Unha vez inscritos os participantes, un comité de selección descartará aquelas propostas que incumpran as bases, non gocen dunha mínima calidade artística e musical ou trasmitan mensaxes que se consideren prexudiciais para os intereses do propio concurso.
A partir deste intre e despois de facer pública a lista de participantes admitidos a concurso, cada premio seguirá o seu camiño:
4.1. PREMIO ARTISTA SONRIAS
Entre as bandas admitidas a concurso, o público elixirá a través das redes sociais cinco finalistas, aos que se lles sumarán outros cinco artistas seleccionados polo xurado do Festival, atendendo fundamentalmente aos seguintes criterios:
-A calidade artística da proposta e a súa coherencia coa programación do Festival.
-Que o grupo teña máis de tres integrantes músicos/as.
-Que teñan un repertorio de temas propios de 40 minutos.
-Que non teñan un contrato profesional en vigor e que teñan algún traballo autoeditado.
O xurado do Festival estará composto por:
- Rubén Sierra, líder de La Pegatina e experto en comunicación musical 2.0
- Juan Carlos Cabano Juankar: líder de Boikot, produtor e axitador de propostas musicais
- Salva Ronko: director de programación de Radio Vigo (SER) e responsable do Maketón
- Faber: produtor musical e colaborador de Estudio 3, na Radio Galega
- David: programador de Auriense, referente da música en directo en Ourense.
- Leiro: responsable da Sala Aturuxo, unha das de maior e mellor curriculum de Galicia
- Berta Domínguez (SonRías): experta en comunicación musical 2.0 e bandas emerxentes. Representante da organización do Festival SonRías Baixas.
4.2. PREMIO SON RADIO GALEGA
Entre todas as bandas admitidas a concurso, a Radio Galega seleccionará as formacións que opten a este Premio atendendo aos seguintes criterios:
-Grupos e solistas maiores de 16 anos.
-Que a letra das cancións sexa en galego e non rexistren mensaxes ofensivas ou malsoantes.
-Que as obras teñan licenza Creative Commons, que permite a libre descarga, copia e distribución sen fins comerciais, amais da creación de obras derivadas baixo as seguintes condicións: recoñecemento – non comercial – compartir baixo a mesma licenza. Isto é importante, porque os traballos preseleccionados pola Radio Galega iranse publicando e poderanse escoitar na web do concurso.
A RG difundirá as cancións que opten ao Premio Son Radio Galega de xeito integral en toda a súa programación e moi especialmente no programa de Radio Galega Música Planeta Furancho, onde iniciará un proceso de selección dos seus cinco finalistas, tanto a través de chamadas en directo e de Internet, na páxina habilitada a tal efecto.
De entre eses cinco finalistas, elixirá o gañador/a do Premio Son Radio Galega un xurado formado por dous críticos musicais e a xefa de programas da Radio Galega
7. QUE HAI QUE FACER PARA PARTICIPAR?
1. Cumprimentar a ficha de inscrición
2. Enviar tres cancións orixinais, indicando claramente con cal delas queredes participar no Premio Son Radio Galega. As cancións deben ser de creación propia (tanto a música como a letra) e deben enviarse en formato dixital MP2, MP3 ou WAV. As pezas deben cumprir un mínimo de calidade musical e acústica. As gravacións que se presenten a concurso en formato comprimido deben ter un bitrate mínimo de 256 kbps.
8. CALES SON AS DATAS CLAVE?
10 de abril. Apertura recepción propostas
18 de abril. Peche recepción propostas
22 de abril. Publicación das bandas admitidas a concurso
20 de maio. Publicación dos finalistas:
5 finalistas Radio Galega
5 finalistas público SonRías Baixas
5 finalistas xurado SonRías Baixas
28 de maio. Publicación do nome dos gañadores
_________
ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no certame implica a aceptación total de todas as condicións fixadas nestas bases. Excepcionalmente, e por motivos debidamente xustificados, só a Organización do Festival SonRías Baixas e a Radio Galega poderán modificar as normas establecidas aquí, unha vez iniciada a promoción do concurso.
O xurado poderá declarar deserto o premio en calquera das categorías. As súas decisións serán inapelables.
Non poderán participar neste certame os traballador@s da CRTVG S.A., RTG S.A. e TVG S.A. nin os seus familiares dentro do terceiro grao de parentesco.
En caso de controversia ou discrepancia derivada da interpretación destas bases, prevalecerá o criterio da Asociación Troula na Banda, como organizadora.
PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
En cumprimento da Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase que estes datos serán gardados nun ficheiro propiedade da Asociación Troula na Banda para a xestión do certame. Fóra dos casos legalmente establecidos, os vosos datos non serán comunicados nin cedidos a terceiros sen o voso consentimento expreso. En todo caso, podedes exercer o voso dereito de acceso, rectificación ou cancelación dos devanditos datos en calquera momento. Só tedes que pedírnolo a través da sección de contacto.
Os grupos ou solistas premiados autorizan a comunicación dos seus datos persoais a través dos medios de comunicación e das páxinas web e redes sociais do Festival SonRías Baixas, co fin de anunciar os gañadores. Así mesmo, os datos dos premiados poderán ser comunicados aos nosos patrocinadores e colaboradores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Danos tu opinión